EnMarea preguntará no Parlamento Galego polo depósito de auga prometido para Noia en 2016

O voceiro da Marea Cidadá de Noia, Manolo Seijas, e o vicevoceiro de EnMarea Antón Sánchez, mantiveron onte unha xuntanza na que acordaron preguntar na comisión de infraestruturas polo depósito da auga prometido pola Conselleira Beatriz Mato en abril do ano 2016 e cuxa licitación sería antes de final de ano, chegando incluso a formalizar un convenio por valor de 900.000 euros. Logo de un ano e medio non se volveu saber nada da inversión e permaneceu no esquecemento,

Seijas incidiu en que o depósito da auga axudaría en grande medida a evitar os problemas de turbidez que se repiten ano tras ano cando hai un aumento nas precipitacións, xa que o río ven turbio nas primeiras horas de chuvia. O depósito actual permite como máximo abastecer a Noia durante unhas horas, pero a canalización enchese de auga turbia xa que non se dá tratado nin remite a turbidez da auga do río.

Antón Sánchez pola súa parte comprometeuse a preguntar por esta cuestión na próxima xuntanza da comisión de infraestruturas e interpelar de xeito directo a propia conselleira, xa que considera que se engana a cidadanía con promesas que logo non se cumpre.