Con motivo do 25 aniversario do pasamento de Antón Avilés
de Taramancos e mais do 50 cabodano de María Mariño, e no contexto dos actos de
celebración en torno ás súas figuras e obras, xorde a proposta da elaboración
dun mural que poña no contexto diario da vila de Noia algúns versos dos seus
poetas de maior entidade: Avilés de Taramancos e María Mariño (ambos os dous
homenaxeados no día das Letras Galegas de 2003 e 2007 respectivamente), proba
da importante pegada da poesía galega contemporánea no Concello.
Co coñecemento previo de que existen xa sendos monumentos
adicados aos dous poetas na Alameda de Noia, pensamos que o mural, e sobre todo
a súa mensaxe, poría en valor, e trasladaría físicamente aos veciños da vila
parte do patrimonio inmaterial que Avilés e Mariño nos legaron. O mural, a
palabra escrita, o verso, funcionarían como lema, como ladaíña que as noiesas
poderían recitar, aprender, memorizar de xeito inconsciente e asimilar como
propio. A xeito de proposta, pensaríamos en incluír os versos “Non hai regreso,
avoa, / nunca / regresa o mesmo home / ao mesmo sitio”, do libro Cantos
Caucanos de Avilés de Taramancos, nos que ademais de se resumir a travesía
vital do propio escritor, se agocharía unha mensaxe sobre a fugacidade do
tempo, sobre o inevitable do cambio, á vez que se reivindica parte do espírito
que preside a vida mariñeira ou o pasado emigrante de boa parte dos veciños e
veciñas. De María Mariño, proporíamos “Medro, medro e non sei onde parar” de Verba
que comeza, de novo reflectindo o vencello da autora coa vila, na que pasou
a infancia, e transmitindo unha segunda mensaxe de orgullo, de vitalidade.
Ademais, estes versos traerían vida aos muros de Noia, que
se encherían coa proposta artística daquela ou aquelas que levasen a cabo a
parte plástica do proxecto. Iniciativas semellantes vencelladas á arte urbana
resultaron altamente exitosas noutros concellos de Galicia como Vigo ou
Carballo, recentemente, ou Foz, onde o mural/mosaico cos versos de Celso Emilio
Ferreiro (“rente ao mar ese camiño”), ou o que conmemora o traballo das
“pescantinas”, son xa parte indisociable da paisaxe urbana e orgullo e reflexo
da vida e o patrimonio de veciñas e veciños, por poñer un exemplo. Mais
ocórrensenos moitos outros: o mural do edificio do Concello de Fene, os versos
de Claudio Rodríguez Fer na praza do Concello de Cangas, etc.
Porque a literatura, a poesía, foi pensada para ser dita,
lida, e é o noso deber transmitirlles ás noiesas e noieses o que os seus poetas
tiñan para lles dicir, aquilo que se aprende despois de pasado tempo e lido
unha e outra vez. Neste sentido, é obvio que non tería sentido situar ditos
murais lonxe do centro urbano da vila, por iso propoñemos que se leven a cabo
nas dependencias do renovado Malecón de Gasset ou noutro lugar onde a súa
presenza engada ou incorpore algo de distintivo ao lugar onde se atopen.
Así pois, trátase de levarlle á xente o que é de seu e
quizais descoñezan, ao tempo que arriquecemos a paisaxe urbana da vila e
fomentamos unha maior cohesión na identidade das veciñas e os veciños mediante
símbolos e figuras, Antón Avilés e María Mariño, que son exemplo, no sentido
máis amplo da palabra, do único e diferente que pode chegar a ser pertencer á
nosa comunidade.
