Lola Caramés " é a hora do cambio"

Son Lola Caramés, 34 anos, primeiro licenciada en Filoloxía Inglesa, logo máster en Linguas Estranxeiras Aplicadas á Empresa, seguindo como traballadora por conta allea para finalmente emprender o meu propio negocio e así poder decidir que vida quero ter. En teoría. Na práctica búscome a vida para sobrevivir nun país de picaresca no que a igualdade, o mérito e a capacidade son o último que se tén en conta.
Métome na Marea porque é a única forma que temos para restaurar a ética no noso concello, para abrir as portas e fiestras e facer del a auténtica casa de tod@s e non niño de políticos profesionais e asesores que teñen como único obxectivo engordar os seus bandullos.
Logo de anos vendendo promesas que nunca se cumplen, os de sempre pretenden que os sigamos apoiando sen máis. Pretenden calarnos e amansarnos con subvencións, con festas alleas, con postos de traballo creados aquí e agora.
É a hora do cambio: máis participación cidadá e máis corresponsabilidade; máis público e máis control; máis transparencia e máis igualdade. Temos que escribir nós o noso futuro e non agardar a que as eternas promesas se cumplan dependendo do partido que estea aquí, en Santiago ou en Madrid.
Ninguén máis ca nós mesm@s nos vai sacar desta situación. Loitemos polo que cremos! Que suba a Marea!