No Día das Letras Galegas

“ Non se borra fácilmente a LINGUA  que falou este pobo durante dez séculos”
                                                                               Manuel Murguía ( 1.906)
  

Estamos as portas doutro 17 de maio máis. Día  no que se fai unha homenaxe a todas as persoas que, como Carlos Casares, fixeron e fan posible que en pleno século XXI  a nosa lingua continúe  a formar  parte dese grande mosaico que chamamos mundo.
   Persoas que nos ensinaron a  apreciar e amar  o noso , porque só os pobos  que se queren son capaces de perdurar no tempo e de progresar. Que ninguén esqueza a lección  do vello mestre: “o respecto polo alleo nace do amor polo propio”
   As linguas, todas as linguas, son instrumentos de comunicación e perviven ao usalas, do contrario, morren . Mais preservar unha lingua non só  é unha tarefa lingüística porque non se pode separar da loita polos dereitos colectivos das persoas, pola democracia.
   Por iso neste día, dende a Marea Cidadá de Noia animámosvos a  que sigades  soñando en galego, amando en galego, odiando en galego, bruando en galego… así  todos os día do ano.
   Deixemos para outros os malabares hipócritas propios da data :  titulares para a ocasión en galego, discursos sobre o seu amor a lingua, anuncios  por un día en galego…porque saben que mañá volverán ao seu hábitat natural, o poder perverso. Dende alí decretarán que hai linguas de primeira e linguas de segunda.  Que é cousa de utópicos e radicais militar na lingua, responsabilizarse da súa  conservación ,dignificala.
   Dende a Marea Cidadá de Noia queremos facer un chamamento a todos  os galegos e galegas para que o  día das nosas letras sexa algo máis ca un festivo no calendario. Cómpre alzar a voz,  e  esixir  o noso dereito irrenunciable a vivir en galego todos os días do ano.
Para iso o día 17  convidámosvos a participar na manifestación que partirá da alameda santiaguesa ás 12:00h  baixo o lema En galego,sen límites e percorrer en irmandade as rúas de Compostela para dicirlle ao mundo  ben alto que  preservando  a nosa lingua estamos a darlle unha oportunidade ao futuro.

           Amemos
                                                                Inda que a esperanza turre para abaixo
                                                             a vencellarnos sempre contra nuncas
                                                                  de campos sen aire e corazóns parados.

                                                                          Carlos Casares

ACTOS EN NOIA

 Ás 12:00 h. na Casa da Cultura "Antón Avilés de Taramancos" inauguración da Mostra Filatélica". 
Esta Mostra está organizada pola Asociación Filatélica e Numismática de Noia.
Colabora: Concello de Noia.

.- Ás 13:00 h. na Alameda Ofrenda floral ante os bustos de Antón Avilés e María Mariño, contarase coa intervención de Serafín Marcos.


Agasallos de libros. 

.-  Ás 20:00 h. Concerto de corais na igrexa de Santa María "A Nova", participan:

Coral Eixel de Cedeira.
Coral Cantares do Miño (Ourense)
Coral Polifónica de Noia

Organiza: A Coral Polifónica de Noia e a Federación Coral Galega.
Colabora: Concello. 

.- Durante todo o día pasearán polas rúas do casco histórico grupos de música tradicional.
(organiza: Os chiquiteiros)