Dende fai xa algún tempo o Goberno da Xunta de
Galicia ven traballando nun proxecto de lei que alterará, por completo, o
sector do mar. Pero os detalles deste anteproxecto estaban ocultos á opinión
pública ata fai apenas unhas semanas. Examinado o texto podemos constatar, unha
vez máis, que o Partido Popular volve a poñer por diante os intereses dos
grandes poderes económicos en prexuízo das traballadoras e os traballadores do
mar. No anteproxecto de lei da acuicultura, o Partido Popular apenas disimula
que a súa pretensión consiste en privatizar os recursos naturais que nos ofrece
o mar, e que son esenciais para o nos país. A futura lei de acuicultura supón
unha agresión ao sector marítimo, aos homes e mulleres que viven del e aos
nosos recursos naturais. Se a súa aprobación supón unha preocupación para todo
o país, moito máis para as veciñas e os veciños do Barbanza. Na nosa bisbarra o
mar é unha fonte de riqueza fundamental do que viven centos de familias de
maneira directa, e moitas outras de xeito indirecto.
Pero a resposta do sector a esta nova agresión
da dereita non tardou en chegar. Xa son moitas as cofrarías, asociacións e
sindicatos do mar que manifestaron o seu frontal rexeitamento a este texto e ás consecuencias que este
provocaría nas nosas costas. Anova, Esquerda Unida, Podemos, Nós Pobra, Rianxo
en Común, Boiro Novo e a Marea de Noia non poden manterse ao marxe ante este
atropelo, e como non podía ser doutro modo, quere manifestar todo o seu apoio
ás traballadoras e traballadores do sector, e anuncia que apoiará aos homes e
mulleres "do mar" en todas as accións de loita encamiñadas a que o PP
retire este nefasto anteproxecto. Concretamente, as organizacións aquí reunidas,
participarán na organización de distintos actos pola bisbarra explicando os
detalles deste anteproxecto, e como este afectará ao sector: Este mesmo venres
15 de xaneiro, ás 19:30, no Centro Social de Cabo de Cruz, Boiro Novo
organizará o primeiro de destes encontros, que contará coa presenza do Deputado
de AGE Juan Fajardo. E o día 29 ás 19h, dúas semanas despois, será o turno de A
Pobra do Caramiñal cun acto informativo organizado pola cofraría de
mariscadores.
O Anteproxecto de Lei da Acuicultura é en
realidade unha porta de atrás para que o sector privado entre nas nosas costas.
Introducindo no seu
articulado a conversión das actuais "autorizacións administrativas",
en "concesións administrativas" ás que terán dereito a concursar todo
tipo de empresas. As grandes multinacionais dedicadas á explotación do mar,
serán as principais beneficiarias deste cambio normativo ao contar con máis
recursos económicos e manter unha posición de forza fronte aos pequenos
autónomos que hoxe viven do noso mar. É dicir, o anteproxecto abre a porta para
que grandes empresas multinacionais
poidan afincarse nas nosas rías e desprazar a pesca tradicional e sustentable
por unha explotación masiva dos recursos e do entorno, sen máis criterios que o
beneficio económico duns poucos.
Por iso
reiteramos unha vez máis o rexeitamento absoluto e innegociable ao texto que o
Partido Popular pretende aprobar. E instamos ao goberno da Xunta de Galicia a
que inicie os contactos coas cofrarías, asociacións e sindicatos do sector do
mar para a redacción dunha nova lei do mar que beneficie ás traballadora e os
traballadores, e non, coma sempre, ao poder económico.