Máis de cen persoas terán voz e voto na asemblea da Marea Cidadá de Noia

A Marea Cidadá de Noia informa que máis de cen persoas terán a oportunidade de decidir a posición da plataforma cidadá no pleno de investidura que se celebrará o vindeiro trece de xuño.

Dende a Marea recordan que teñen voz e voto nesta asemblea as persoas que formaron parte da candidatura, que asinaron o manifesto e principios, persoas que colaboraron na campaña coa Marea Cidadá e tamén aquelas que participaron nas primarias abertas a cidadanía para elixir o candidato.
Indican que é a primeira vez que a cidadanía pode decidir libremente e de xeito transparente a posición a tomar nun pleno de investidura, sen que haxa pactos de cúpulas ou se antepoñan intereses persoais ao ben común.
A asemblea terá lugar mañá domingo a partir das 18:30 no antigo matadoiro da rúa Espírito Santo, os resultados publicáranse ao día seguinte nunha rolda de prensa que terá lugar no mesmo lugar ás 11:00.