Coñeces a Santi Avilés?

Son Santiago Avilés, teño 47 anos e levo máis de 15 traballando no mundo de internet, aínda que algúns me recordarán atendendo na Tasca Típica ou presentando o informativo de CanalTambre cuns pelos dignos de xulgado de garda. Os últimos anos estiven traballando como freelance, case por completo para empresas de fóra porque neste país o pouco traballo que hai ofrécese nunhas condicións que rozan o esperpento. Neste momento as cousas tampouco van moi alá por Europa adiante así que estou desempregado e sen ningunha prestación, que os autónomos diso non temos.
Santi ocupa o posto número 5 da Marea
Levamos anos asistindo como meros espectadores á degradación do sistema democrático. Eliximos representantes que acaban representando a bancos e grandes empresas, que defenden cos seus votos nas institucións os intereses das grandes corporacións. O resultado son desafiuzamentos, perda de dereitos, recurtes en sanidade e educación, pobreza, desemprego, precariedade, desamparo, indefensión... Esta xente xa non nos representa. E xa está ben.
Creo que é o momento de deixar de ser espectadores e de tomar nós mesmos as rendas do noso futuro, de que recuperemos as institucións que nós creamos para que estean de verdade ó noso servizo porque agora mesmo están prostituidas. Os concellos son o primeiro chanzo, a primeira porta pola que a vontade do pobo debe entrar.

Formo parte da Marea cidadá de Noia porque creo que é unha oportunidade de devolverlle á Noia o seu concello, a oportunidade de que sexa a propia xente de Noia a que faga a súa vontade na que é a casa de tod@s