Valoración dos tres meses de goberno de Noia

O mércores 16 de setembro a Marea Cidadá de Noia reuniuse en Asemblea para facer unha valoración dos tres primeiros meses do goberno municipal do Concello de Noia.
Entre os aspectos positivos a salientar da actuación do goberno, a Asemblea destacou a  disposición da Alcaldía a atender a maior parte das demandas da Marea Cidadá de Noia. A corporación apoiou as propostas da Marea para a publicación das contas públicas na web municipal. Facendo un exercicio de transparencia, apoiou a proposta de inscribir a Noia como vila refuxio e apoiou a moción de urxencia presentada para investigar o acontecido na obra “O Camiño do Atallo”, para o que se puxo en marcha unha comisión de control da obra pública. Ademais, a corporación atendeu a demanda de arranxo dos vestiarios do Estadio Municipal de San Lázaro e comprometeuse a cumprir os principios de igualdade, mérito e capacidade na cobertura dunha baixa de auxiliar administrativo, ao realizarse a selección a través dunha oposición.
Entre os aspectos negativos a asemblea decidiu salientar:
·          Falta de planificación no acceso á documentación:
§  Negóusenos nun primeiro momento o acceso ao expediente de contratación do STAND, se ben é certo que se subsanou o erro ao día seguinte.
§  Non se nos facilitou a documentación da obra de “O Atallo” solicitada no Pleno de agosto.
§  O goberno municipal debe regular o acceso a documentación tendo en conta que non se nos facilitou no período de cinco días o expediente de contratación de persoal para a  motobomba e da limpeza de praias.
·         Respostas ambiguas e carentes de contido nos Plenos:
o    O grupo municipal viuse obrigado a emitir as mesmas preguntas que no mes de   agosto no pleno ordinario de setembro, xa que as respostas emitidas no anterior pleno ordinario se  consideraron insuficientes.
·         Nula disposición, por parte do goberno municipal, a atender a proposta da Marea Cidadá de Noia de incluír actividades lúdicas para nenos e nenas no verán.
·         Ausencia de solucións a problemas de seguridade e educación:
§  Segue sen se resolver o problema da Policía Local
§  No CEIP Felipe de Castro (Bergondo) non se abordaron unhas mínimas obras de adecentamento antes do comezo do curso escolar.
Pero por riba deste cúmulo de eivas nos cen primeiros días de xestión, a Marea quere salientar:
·         A ruptura do acordo de investidura entre a Marea Cidadá de Noia e PSOE, concretamente no seu cuarto punto, posto que se contratou vía “Concurso negociado e sen publicidade” a obra de colocación da pedra no Aparcadoiro Xuíz Falcone, cun custo superior a 60.000€, sen pasar pola Comisión de Control da Obra Pública e sen ser tratada como obra maior.
·         A evidente falta de comunicación por parte do equipo de goberno á hora de informar sobre as políticas que se levan cabo por parte do Concello de Noia ao resto de grupos que forman a corporación.
·         A intención de gobernar a través de comisións e plenos de urxencia que limita a capacidade dos demais grupos á hora de preparar e analizar información relevante das cuestións a tratar.


A Asemblea da Marea Cidadá de Noia decidiu, logo desta valoración, convocar unha xuntanza co PSOE na que trasladará estas cuestións, abrindo unha vía de comunicación para evitar que se repita a mesma praxe. Ademais, acordamos facer cada tres meses unha valoración do equipo de goberno para fiscalizar o seu labor.